O Persoal de Administración e Servizos (PAS) da UDC é o grupo que traballa nas áreas funcionais da administración e os servizos. Presta apoio tanto ao resto dos grupos de interese como ao conxunto da universidade. O funcionamento eficaz da universidade depende en gran medida do Persoal de Administración e Servizos ou PAS, na medida en que presta apoio fundamental á comunidade universitaria e a todos os que se achegan á UDC na realización de todo tipo de xestións administrativas.

790 profesionais no ano 2011, dos cales o 58,9% é persoal funcionario.
  • O 83,9% do PAS funcionario é funcionario de carreira. Só un 0,7% é PAS persoal eventual.
  • O 60% do PAS laboral é persoal laboral fixo.

O Plan de formación é un documento estratéxico que nace co obxectivo de garantir a mellora da especialización técnica e a promoción do PAS da UDC.

No ano 2011 este Plan de Formación supuxo:

  • Programa Mobilidade Erasmus, que é a convocatoria de axudas financeiras de mobilidade a institucións de ensino superior con fins de formación.
  • Programa Mobilidade Stella, que é un programa de mobilidade internacional que facilita e promove o intercambio do PAS entre as universidades que conforman o Grupo Compostela de Universidades(GCU).
  • Cursos de normalización lingüística específicos: “Introdución á onomástica galega”, no que participaron 24 profesionais.

20 accións formativas deseñadas para o PAS no ano 2011, en que participou un 84,4% do cadro de persoal.

O PAS da UDC accede e promociona mediante a superación de procedementos baseados nos principios de mérito, capacidade e concorrencia.
  • Conciliación familiar e laboral: o PAS ten dereito á excedencia temporal para o coidado dos seus fillos, para o coidado do cónxuxe ou da persoa con que conviva de forma marital, ou para o coidado dos ascendentes ou dos descendentes.
  • Promoción de emprego: a UDC comprométese a constituír bolsas de emprego coas vacantes que se produzan por xubilación, incluíndo nas súas ofertas de emprego prazas de idéntica categoría profesional ou outras de distinta categoría que se creen por transformación das citadas vacantes.
  • Asistencia social.
    • Ensino universitario.
      A UDC habilita os medios para conseguir que a matrícula nos centros sexa gratuíta para os traballadores en activo e xubilados, para os seus cónxuxes ou persoa con que convivan de forma marital e para os fillos ao seu cargo.
    • Escolas de idiomas.
      A UDC propicia o establecemento de convenios para conseguir que a matrícula nas escolas oficiais de idiomas resulte gratuíta para os traballadores activos e xubilados, para os seus cónxuxes ou persoas con que convivan de forma marital e para os fillos ao seu cargo.

  • Escola infantil.
    O PAS terá os mesmos dereitos de admisión e réxime económico que o resto do persoal da UDC no uso da escola infantil para os seus fillos.
  • Incapacidade temporal.
    A UDC completa as percepcións do traballador durante a situación de incapacidade temporal ata o 100% das súas retribucións mensuais.
  • Anticipos reintegrables.
    A UDC concede anticipos reintegrables ao PAS laboral ata unha contía máxima de 2 mensualidades ou 3.000 €, que se reintegrarán no prazo máximo de 18 meses sen xuros.
  • Seguro de asistencia sanitaria.
    Constituíuse un fondo de acción social para o PAS laboral, equivalente, cada ano, ao 1,5% da masa salarial anual, garantindo, como mínimo, os fondos necesarios para a contratación dun seguro de asistencia sanitaria.